Esta fin de semana tería lugar a cuarta edición do Friulio en Friol (Lugo); xuntanza de asociacións romano-castrexas, de recreación histórica, de divulgación cultural e de música tradicional, liderada por A Castronela, que ten como obxectivo recrear os modos de vida, crenzas e costumes de ambas as dúas culturas, que forman parte da herdanza histórica e cultural dos galegos.

O Estado de Alarma decretado para combater a propagación do Covid-19 e a responsabilidade local, suspendendo a celebración ata o ano vindeiro, impediron que organizadores, partícipes e visitantes puidéramos desfrutar desta celebración, desta localidade e deste concello de verde e pedra, de pazos e fortalezas, de pan (de Ousá) e queixo (de Friol), de porco celta e vacuno e de lendas e paisaxes exclusivas, a maior parte delas protexidas e integradas na Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Por todo isto e, asemade, pola xenerosidade e a cálida acollida que sempre dispensan os propios do lugar, agardamos retornar!