Todo recinto amurallado responde a necesidades protección, defensa e resistencia dun determinado enclave en tempo de confrontación e asedio. A posición xeográfica da vrbs romana de Lvcvs Avgvsti, central entre as poboacións máis importantes do noroeste da Hispania, o litoral e os principais focos de produción mineira e vinícola máis próximos do interior, serviu tamén de reclamo para as incursións bárbaras, cuxa ameaza resolveron as autoridades do Imperio coa construción dun bastión defensivo de 2.266 metros, coroado por 85 torres, que protexeu a súa poboación, afianzou o seu crecemento e resgardou a súa relevancia estratéxica coincidindo co declive urbano e demográfico da contorna.

Comezada no s. III d.C e rematada ao comezo do s. IV d.C., a Muralla Romana de Lugo, única no mundo, foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2000 e forma parte dos bens individuais dos Camiños de Santiago, logo da súa ampliación, aprobada tamén pola UNESCO en 2015, por se atopar no chamado Camiño Primitivo.

Mañá, sábado, 30 de novembro, coincidindo co décimo noveno aniversario daquela declaración, a Guardia Pretoriana de Lugo desfilará polas rúas do caso histórico de Lvcvs Avgvsti en estreita colaboración cos lexionarios da Cohors III Lvcensivm. Ambas as dúas asociacións rematarán a marcha, que dará comezo ás 20 horas na Praza do Campo, depositando unha coroa de loureiro diante do monolito conmemorativo situado a carón da Mosquera.

Con este novo tributo cultural, a engadir ás diversas actividades que a Asociación vén protagonizando dende hai anos, a Guardia Pretoriana de Lugo afonda o seu compromiso coa cidade de Lugo e coa promoción e difusión do seu legado histórico.